_________________________________
Tralo primeiro ano de aterraxe en María Pita, o Goberno local fixou as políticas de mobilidade como un dos grandes retos do seu segundo exercicio. Na recta final da Semana da Mobilidade, o concelleiro do ramo, Daniel Díaz Grandío, explicaba nesta entrevista de La Opinión de A Coruña o estado en que se atopan os grandes proxectos do seu departamento.
-A reorganización completa das liñas de bus urbano foi un dos obxectivos que se marcaron para este segundo ano de mandato. Cando estará en marcha?
-Este ano foi un ano convulso no que os orzamentos se aprobaron cunhas enmendas do PSOE e o PP que deixaron tocadas a algunhas concellerías. No caso da miña, reducíronse un 50% os fondos para asistencias técnicas, e iso impide desenvolver moitas iniciativas porque non podes redactar proxectos, é dicir, o taco de papeis no que se di que hai que facer. Destas asistencias é de onde saen proxectos como a reorganización dos buses ou a peonalización da Cidade Vella.
-Daquela, cando se modificará a rede de autobús?
-De cara a negociación do orzamento de 2017 puxemos enriba da mesa cuestións con nomes e apelidos e un deles é a reorganización liñas bus. Prevemos que poida estar para o ano que vén, dentro do segundo mandato.
-Cales serán as liñas mestras deste novo sistema?
-A praza de Pontevedra vai ser un núcleo fundamental para o transporte público. Xa o é agora se se se analiza o numero de buses que están rondando cada hora. Este punto da cidade une a saída do istmo de Monte Alto e comunícao con outras vías moi importantes como a avenida Finisterre ou Juan Flórez.
-Dixeron que esta reorganización contaría cun proceso participativo. Cando prevén realizar esas consultas?
-O proceso acelerarase a partir de 2017 se o orzamento está listo a inicios de ano. Se iso pasa, confiamos en poder lanzar esa parte de participación sobre a reestructuración do transporte urbano a partir da primavera.
-Os veciños de Monte Alto reclamaban que se mantivese a liña directa do 17 entre o barrio en o CHUAC. Vanna manter?
-Esas recollidas de información ás asociacións de veciños van ser contempladas e as cuestións que sexan relevantes para os barrios, como o que reclama a asociación veciñal de Monte Alto, van a ser introducidas dentro disto.
-Vai volver o carril bus ás rúas da Coruña?
-Si, contemplamos que poida estar instalado en 2017. O plan é que o carril bus sexa un dos proxectos con nomes e apelidos que poremos sobre a mesa na negociación do orzamento en 2017.
-Entendo que non se porá en marcha até que no se reorganice o mapa de rutas completo.
-Poríase antes, o que pasa é que hai que resolver outro tipo de actuacións, non só relativas á instalación do carril bus senón tamén de mellora da infraestructura viaria por onde pasa o bus.
-En que rúas se ubicará?
-Non o vou adiantar. Por San Andrés non vai pasar, así que quedan poucas alternativas para ubicalo. Son obvias e por algunhas xa estivo instalado no pasado.
-Unha promesa electoral do Goberno era a de revisar a concesión con Tranvías da Coruña. En que situación se atopa ese proceso?
-A negociación das tarifas vai comezar en breves. Non vou adiantar moito antes de falar coa propia Compañía de Tranvías pero si que estamos en permanente revisión dos factores que compoñen a fórmula matemática coa que se calcula o prezo do billete. Algúns deles son polémicos desde hai anos aínda que ningún gobernos local se atreveu a tocalos. Nós deixamos esa vía aberta todavía, pero permíteme que non adiante máis detalles sobre o concreto.
-Pero van modificar a fórmula matemática coa que se calcula o prezo do billete?
-Si.
-Cando se instalarán as cámaras de vixilancia na Mariña para controlar a circulación pola superficie?
-É cuestión dun par de semanas. Un proxecto piloto do programa Smart City do anterior Goberno prevía instalar cámaras na rúa Luchana e noutras perpendiculares á Mariña. Agora estas cámaras van ser recolocadas desde a Autoridade Portuaria até o hotel Finisterre para facer un control de matrícula que conseguirá o obxectivo de retirar ao persoal da Policía Local da zona.
-Os coches que pasen sen autorización serán multados?
-Claro, farán un control seguindo unha listaxe branca e negra. É dicir, a listaxe branca incluirá as matrículas de vehículos que poden pasar sen problema, como os do transporte público ou os residentes na zona que teñen, por exemplo, un vado nese tramo.
-Un dos puntos críticos trala apertura do túnel da Mariña é a praza de Ourense. Como se vai intervir aí para evitar problemas de tráfico?
-A nosa intención é mellorar fondamente o transporte publico estes catro anos así que, entendendo que se vai reducir o uso do transporte privado, xa descartamos propostas que saíron nalgún momento por aí, como a de construír un túnel. Non imos abrir outro burato no que tirar cartos. A solución que lle imos dar a ese cruce é continuar coa regulación semafórica que xa está funcionando agora mesmo. A Policía Local, por medio da sala de pantallas, está a facer unha labor encomiable forzando os ciclos semafóricos en función da demanda e por agora este sistema está a funcionar bastante ben.
-Na boca oposta do túnel, na zona das Ánimas, tamén continúa a sinalización provisional, con divisores de plástico. O anterior Goberno falaba de facer unha rotonda. Que van facer?
-Aínda non temos nada concretado. Esta é unha zona altamente sensible, rodeada dun ámbito histórico protexido, como é a zona das murallas e do Castelo de San Antón, e requerirá dunha repensada con calma. Hai outras implicacións ademais das de Mobilidade e niso terá moito que dicir o departamento de Rexeneración Urbana. É preciso ter unha visión máis fonda en canto á sua planificación.
-Cales serán os seguintes pasos na peonalización da Cidade Vella?
-O noso plan será falar primeiro coas asociacións de veciños. Xa que a nivel orzamentario non podemos executar redaccións de proxectos, polo menos si comezar a falar de solucións. Perdimos unha oportunidade moi grande cando se construíu ese parking soterrado no Parrote,que decepcionou aos vecinos por non ofrecer unha solución inmediata.
-Xa pasou medio ano desde que abriu o túnel do Parrote. Que prazos manexan para peonalizar o barrio?
-A redacción do plan de peonalización vai entrar nesta fase de negociación para orzamento de 2017.
-Que alternativas dará o Concello aos veciños da Cidade Vella que xa non poderán estacionar nas rúas do barrio?
-Unha das alternativas sobre a mesa é dotar aos aparcadoiros en superficie dos arredores da Cidade Vella dun estatus específico para os residentes . O que debe quedar claro é que calquera solución que se lle dea aos veciños non pasa por dotar de prazas de aparcamento gratuítas aos 800 residentes.
-Falouse de asinar un convenio co parking do Parrote para que os residentes puidesen estacionar a un menor prezo.
-A posibilidade de convenio coas empresas concesionarias de aparcadoiros está lonxe, non é unha opción que guste ao Concello.
-No Dillo Ti de Monte Alto anunciaron a peonalizacion da rúa Marola. Como está ese proxecto?
-O Concello vai abrir un espazo de reflexión coa veciñanza de Monte Alto, para que dean a coñecer as súas necesidades e que poida ser un proceso participado pola xente. A nosa intención é peonalizar a rúa Marola e así o vai defender o Goberno local.
-Cando comezarán as obras do carril bici que enlazará A Pasaxe coa Mariña?
-Esa actuación está dentro dun convenio que se vai asinar coa Deputación provincial, que vai ser quen financie as obras. Firmarase este ano e iso implica que ao longo de 2017 o tramo entre Ponte Pasaxe e a Mariña estará acabado.
-Diversas asociacións denunciaron a tardanza do Goberno á hora de conceder licencias de ocupación do espazo público. Que está a acontecer?
-Non acontece nada estraño. Eu creo que non hai ningún cambio sustancial en canto a solicitudes de ocupación. A única cuestión é que pedimos responsabilidade a todo o mundo no que se refire aos prazos en que se fan as solicitudes e, sobretodo, no requerimento de información básica necesaria para dar o visto bo. Non é o mesmo unha ocupación para poñer un hinchable na rúa que para instalar unhas bombonas, que requerirán dun certificado.
-A dobre ringleira continúa a ser un problema na cidade. Hai algún plan para poñerlle fin máis alá da vía punitiva?
-A política punitiva de multas penso que é efectiva. Á marxe diso non temos máis plan. A loita contra a dobre ringleira vai por campañas en vías onde este problema é especialmente sensible e as multas estanse poñendo.
-Veciños con mobilidade reducida queixáronse pola existencia de prazas de estacionamento habilitas para eles que non cumpren a normativa.
-Estamos en contacto con ese colectivos e sempre que nos trasladan problemas puntuais tentamos darlle solución. Houbo precisamente un problema na zona do oceanográfico e solventouse.
-Pero hai algún plan concreto de adaptar á normativa estas prazas de estacionamento?
-Estamos abordando unha campaña para habilitar máis prazas de aparcadoiro para a mobilidade reducida. Está habendo unha adaptación da normativa porque o número de prazas está por debaixo do limite legal establecido.
-Que se vai facer cos camiños de ferro do tranvía que están inutilizados polo paseo?
-Dentro dos orzamentos participativos houbo unha solicitude que se declarou viable e que propuña reaproveitar o espazo da vía para habilitar un carril bici.
-E ao Concello que lle parece?
-O Concello estudou a viabilidade retirar as vías de ferro pero o gasto da actuación era brutal. Se esta proposta sae adiante, o que se fará con elas será cubrilas, como se podería facer sobre calquera outra superficie da cidade. Sobre a posibilidade de que o tranvía se volvese a poñer en marcha, o que sinalaban os estudos que fixeramos era que o investimento económico era totalmente inasumible.
-Outra proposta que pasou o filtro da viabilidade nos orzamentos participativos propón peonalizar o entorno do mercado de San Agustín. Que lle parece?
-O Concello deu esa resposta de que era un proxecto viable porque cre que así é. O que acontede é que esa actuación conlevaría un traballo de falar cos vecinos, cos comerciantes e de buscar un punto común, que puidese sacar o tránsito dunha zona que eu creo que ben o merece.
Fuente: La Opinión de A Coruña
Imágenes: Blog Busurbano
Imágenes: Blog Busurbano
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Aquí tienes tu espacio para comentarios busurbanos...: