<<Cando se cumpre un mes da posta en funcionamento da chamada Rede Urbana Eficiente, Xan Caxigal e Ermitas Valencia, concelleiros do BNG, denunciaron hoxe a ineficacia que está a demostrar o novo sistema de carril bus, que está a impedir que os autobuses cumpran as viaxes mínimas estipuladas por liña...>>
(después del corte, el texto íntegro en lo que refiere al tema en cuestión)
En declaracións aos medios, Caxigal fíxose eco das numerosas protestas de usuarios e usuarias do bus, que están a sufrir os prexuízos deste sistema, dados os constantes atrasos nas liñas do autobús. "Temos detectado e comprobado que as liñas dos autobuses non cumpren as frecuencias e empeoran as condicións do tránsito rodado, xa que a Rede Urbana Eficiente causa confusión entre os automobilistas", sinala Caxigal, quen advirte de que "é frecuente ver nas paradas que debido aos atrasos mesmo se chegan a acumular ao mesmo tempo dous autobuses da mesma liña".
Caxigal tamén salientou que "están a ser habituais as duplas filas e os vehículos mal estacionados que impiden que o autobús circule con normalidade cumprindo as frecuencias na zona do Ensanche". Ademais, censurou que o bus "non colle no novo carril, porque os buses miden 2,50 metros e o ancho do carril é de 2,40 metros", o que prexudica aínda máis a mobilidade.
"O BNG xa o repetiu por activa e por pasiva: o prioritario na mobilidade debe ser o transporte público, porque só así poderá garantirse o cumprimento das frecuencias", indicou. "E debe ser prioritario non só na propia ordenación física e técnica do tráfico, senón tamén na propia concepción do sistema de transporte", engadiu. Alí onde se implantaron sistemas similares, como en Bilbo, Donosti ou Valencia demostrouse que a eficacia destes sempre dependeu en primeiro lugar de priorizar o transporte público sobre o privado.
O concelleiro nacionalista reiterou a aposta do BNG por un plan de mobilidade integral que combine distintos medios de transporte tanto a nivel local como comarcal.
A campaña publicitaria pagada cos cartos de todos e todas é proba do mal funcionamento da Rede Urbana Eficiente
O concelleiro do BNG sinalou que "proba do mal funcionamento da chamada Rede Urbana Eficiente é o lanzamento da campaña publicitaria que vén de sacar o Goberno local, unha campaña pagada cos cartos de todos os coruñeses e coruñesas e que loa as supostas virtudes do sistema con folletos e con vídeos que non recollen probas reais, senón simulacións".
A este respecto, anuncia que presentou unha pregunta para a súa resposta escrita sobre os custos desta campaña, que non estaba contemplada. Así, pregúntalle ao Goberno local en que informes se baseou para iniciar esta campaña e con cargo a que partida orzamentaria corresponde o financiamento da mesma.
O Goberno local non só xustificou no Pleno ordinario do luns a suba, senón que demostrou estar orgulloso de facelo
O BNG segue recollendo reclamacións de usuarios e usuarias pola suba do prezo do bus. A este respecto, Caxigal advertiu que "é intolerábel que mentres os buses non cumpren as frecuencias e os prezos soben, a Compañía de Tranvías obteña espectaculares beneficios e reparta millóns de euros en dividendos aos seus accionistas".
Lembramos que o BNG, despois de ter accedido ao Rexistro Mercantil, revelou que a Compañía de Tranvías gañou 4,2 millóns de euros no 2010 a conta dos coruñeses e coruñesas, sen que estes beneficios repercutiran en melloras do servizo de autobús. E é que a pesar de ter unha necesidade de subvención de 3,1 millóns de euros, o Concello outorgoulle en axudas 7,3 millóns. De aí que a empresa repartira entre os seus accionistas dividendos de 2 millóns de euros.
Caxigal puxo de manifesto que a suba do prezo do billete é ilegal, tal e como denunciou o BNG nun recurso que foi desestimado polo Goberno local. Aos efectos de aplicación na fórmula polinómica do factor man de obra aplicouse a variación de salarios derivado do Convenio Colectivo da empresa, cando no artigo 20 do Regulamento precísase que a variación a aplicar é a do índice do salario mínimo. En consecuencia, o índice de variación da man de obra debería ser o +1,30 por cento e non o +6,33 por cento, co cal o resultado final da fórmula de revisión de prezos debería ser +3,505 por cento, e non o +6,675 por cento, que foi o acordado. Isto significa que o Goberno de Negreira aprobou unha revisión de tarifas superior nun 90 por cento ao que correspondía legalmente.
Malia estas denuncias constatábeis no Regulamento do Servizo aprobado en 1986, o Goberno local non só xustificou no Pleno ordinario do luns a suba, senón que demostrou estar orgulloso de facelo. Así, o portavoz do Goberno local teimou nas súas intervencións en loar as negociación que mantivo coa Compañía de Tranvías e que tiveron como resultado que os usuarios do bus teñamos que pagar 5 céntimos máis no contexto de crise que sufrimos e que os colectivos máis desfavorecidos, como as persoas desempregadas, as pensionistas e o estudantado teñan tamén que pagar máis.
Fuente: BNG-Galiza.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Aquí tienes tu espacio para comentarios busurbanos...: